23 Xornadas de Arquivos Universitarios

Logotipo de 23 JAU

UDC

 CAU

  

Saúdo do reitor

Coincidindo co comezo do verán, a Universidade da Coruña acollerá a 23ª edición das Xornadas de Arquivos Universitarios, que por primeira vez van ter lugar en Galicia.
Unha nova oportunidade para trocar experiencias, establecer contactos e actualizar coñecementos sobre a xestión do patrimonio documental dos campus.
As continuas e moi rápidas innovacións científicas e tecnolóxicas obrígannos a todos a manter unha permanente vixilia profesional. A ese “modo alerta” responden os encontros que os arquiveiros universitarios realizan desde 1994 en distintas cidades españolas.
Esta vez tócalle á Universidade da Coruña exercer con satisfacción como anfitrioa e gustaríanos contar cunha ampla participación dos profesionais de todas as universidades. Está asegurado o interese do programa, que xira en torno do arquivo electrónico na administración dixital.
Garantimos tamén hospitalidade e o particular encanto da nosa terra para os momentos de lecer.
Julio Abalde Alonso

 

Presentación das 23 Xornadas

A Conferencia de Arquiveiros das Universidades Españolas (CAU) e a Universidade da Coruña organizan de 21 a 23 de xuño de 2017 as 23 Xornadas de Arquivos Universitarios. Nesta ocasión as xornadas están dedicadas ao tema de “O Arquivo Electrónico na Administración Dixital”.
Nelas abordarase a implantación do arquivo electrónico. Os documentos electrónicos deberán conservarse nun formato que garanta a súa autenticidade, integridade e conservación, así como a súa consulta, con independencia do tempo transcorrido desde a súa emisión. Cómpre avaliar o ciclo completo da xestión dos documentos e a súa conservación no arquivo electrónico a longo prazo.
Colaboran no desenvolvemento das xornadas diversas entidades públicas e privadas. Terán lugar presentacións de empresas, ás que se lles brinda a oportunidade de ofreceren as súas experiencias e mostraren as novidades no seu ámbito de actuación. Haberá tamén empresas que teñan un stand expositor.